/* Template Name: Imagen Grande Template Post Type: post */ Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza mañá en Mondariz Balneario o patrimonio termal | Concello de Mondariz Balneario

“A arquitectura da auga” é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá en Mondariz-Balneario para analizar a problemática patrimonial e de conservación que teñen moitos dos balnearios en Galicia. A cita, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, pretende analizar as solucións que se veñen adoptando para a recuperación e posta en valor deste importante patrimonio e as súas posibilidades como recurso de futuro. Rosario Álvarez, presidenta do CCG; o alcalde de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo, e a coordinadora do encontro serán os encargados de inaugurar esta cita que analizará os casos concretos de Mondariz-Balneario, Verín, Cortegada e Lugo.

Os balnearios e a arquitectura do termalismo, aínda que teñen unha fonda tradición na nosa comunidade, contaron cunha etapa de esplendor nas primeiras décadas do século XX que supuxo, entre outras cuestións, a realización dunha arquitectura específica para a auga, moi característica daquel momento histórico e que hoxe esmorece en moitos lugares da nosa xeografía. Esta sesión, que se inclúe dentro do ciclo “In Situ” dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, pretende servir de espazo de reflexión arredor da situación patrimonial que teñen na actualidade estes espazos, revisando varios exemplos diferentes na súa xestión e recuperación.

O programa

A cita comeza cunha conferencia a cargo de Silvia González Soutelo, doutora en Arqueoloxía pola Universidad Autónoma de Madrid, que ofrecerá unha ollada histórica ao termalismo en Galicia. Tras este marco xeral explicaranse as experiencias concretas que se están a desenvolver en Galicia.

O arqueólogo Alberte Reboreda falará da arquitectura da auga de Mondariz-Balneario e a súa situación patrimonial. O arquitecto e actual alcalde de Verín, Xerardo Seoane, explicará a proposta patrimonial da recuperación dos balnearios nesta localidade ourensá. A experiencia da Fundación Balneario de Cortegada será explicada polo seu presidente, Avelino Luis de Francisco Martínez, que tamén é alcalde desta vila. Tralo descanso, o arquitecto Mario Crecente dará conta do proxecto de recuperación e posta en valor dun complexo asentado nas termas romanas de Lucus Augusti. Todos os participantes nas xornadas participarán no debate posterior sobre o patrimonio da auga como recurso de futuro.

A xornada remata coa visita guiada á arquitectura relacionada cos espazos termais de Mondariz-Balneario: Xardín do Gran Hotel e Fonte de Troncoso.

In Situ

In Situ é un ciclo específico dentro dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega e que se realiza no lugar onde se localiza o elemento patrimonial no que se centra a actividade. Neste caso concreto a sesión ten a súa orixe no “Informe sobre a Fonte de Troncoso e a súa situación de emerxencia” que o CCG elaborou en 2020, a petición da Plataforma SOS Fonte de Troncoso por mor da situación de abandono que sufría este elemento, obra de Antonio Palacios e parte integrante da arquitectura da auga xerada en Mondariz-Balneario a inicios do século XX.

A %d blogueros les gusta esto: