O Concello de Mondariz Balneario, co propósito de remodelar o espazo urbano emprazado na contorna do Hotel Balneario de Mondariz, e de executalo posteriormente con criterios de sustentabilidade ambiental, económica e social, de eficiencia enerxética e de accesibilidade universal, convocou un Concurso de proxectos, anónimo e con intervención de xurado, co fin de seleccionar a proposta mellor valorada polos membros do xurado para a obra “Recuperación do espazo público da contorna dos Hoteis” e a súa posterior execución.

A iniciativa contou coa financiación da Deputación de Pontevedra e enmarcase dentro das iniciativas da Rede Ágora, que impulsa a recuperación de espazos para as persoas. A prioridade do concurso foi a realización dun proxecto de alta calidade arquitectónica, que contribúa á vitalidade da zona e que, sen renunciar á contemporaneidade, se adecúe ao entorno no que se intervén.

Tra-la presentación de varias ofertas, o Xurado concedeu o primeiro premio ao Estudio MMASA, cun importe de 8.000 Euros, que se presentou co lema “Árbores e Círculos”. O segundo premio, de 4.000 Euros, foi para Fernando Vázquez Abal, co lema “Esvara a auga” mentres o terceiro correspondeulle a proposta “Riz Munda” de Paula Lago Pereiro, que recibiu 2.000 Euros. Ademáis entregouse un accesit, de 1.500 Euros, para o proxecto de Cándida Martínez Pazos.

En consecuencia adxudicouse o contrato de redacción do proxecto de recuperación do espazo público da contorna dos hoteis ao gañador do Concurso, o Estudio MMASA [Muñiz Mas Alfaya SLP] que propuxo unha intervención inspirada na recuperación do espazo histórico entre os hoteis, coa presenza de árbores e cun pavimento con forma circular ao seu arredor, como referencia ás formas empregadas por Antonio Palacios durante a construcción das principais edificacións do Balneario.