Unha tradición: Os Cesteiros

cesteirosComa na maioría dos oficios tradicionais, a de cesteiro é unha profesión que pasaba de pais a fillos.

Co paso do tempo, o salto xeracional antollábase máis complicado, xa que eran moitos os que preferían outra profesión á paterna.

 

 

 

 

 

MUSEO MUNICIPAL DOS CESTEIROS

cesteirosCasa do Concello, 2º andar

 

Os cesteiros tiñan rutas comerciais, nas que non só vendían os seus productos, sendo os principais demandantes deles os campesiños, xa que os empregaban para a vendima e para garda-lo millo, e que xeralmente pagaban os cestos en especies, senón que tamén se aprovisionaban de materia prima.

Ditos percorridos, centrábanse no Ribeiro de Avia, zona de principal influencia e na que moitos acabaron por asentarse dun modo definitivo.

Para a confección dos cestos utilizábase madeira de carballo, castiñeiro ou salgueiro, aínda co paso do tempo a selección da madeira, a cal procuraban buscala en montes da súa propiedade ou comunais, foi desaparecendo e xeralizándose a todo tipo de árbores.

Os instrumentos de traballo eran unha peza de madeira denominada “burro”,da cal o tamaño varía dependendo de se o cesteiro traballa de pe ou sentado; un coitelo, coa peculiaridade de que está formado por unha lámina de aceiro afiado con dúas abrazadeiras orientadas cara o lado do fío.

 

Co paso do tempo, como comentamos con anterioridade, os cesteiros sufriron o que tódolos oficios artesanais, é dicir, unha paulatina pero constante diminución das súas ventas, pois os seus cestos non podían competir cos manufacturados industrialmente que, se ben eran de inferior calidade, ó ser fabricados en cadea e con materiais máis baratos eran considerablemente máis asequibles que os outros, por non falar de que as máquinas ofrecían un sinfín de posibilidades no que a capacidade e formas se refire e a súa dispoñibilidade era inmediata, ó non ter que esperar a que o cesteiro os elaborara.

 

Ademais, os cambios no modo de vida relegaron ós cestos ó esquecemento, xa que na vendima comenzáronse a utilizar capachos plásticos, que permitían unha maior hixiene ó ser posible o seu lavado, e o millo e demais cultivos na súa maioría pasaron a ser empaquetados pola mesma máquina que se emprega na súa recolección.

 

cesteirosAsí as cousas, hoxe en día conseguir un cesto en Mondariz Balneario ou en Mondariz, ámbolos dous municipios tradicionalmente coñecidos como “Terra de Cesteiros”, é case un imposible, xa que gran parte dos últimos cesteiros que exercían faleceron, e os que aínda viven abandonaron a profesión, unha profesión á que numerosos escritores galegos adicaron mencións, artigos ou nalgúns casos libros enteiros.

 

Dous exemplos atopámolos en Xaquín Lorenzo Fernández, protagonista do Día das Letras Galegas do 2004, e en Enrique Peinador Lines.

Xaquín Lorenzo Fernández, nunha das súas publicacións, afirmaba que “(…) A comparanza do noso pobo pre e protohistórico cos primitivos actuais permítenos supor a existencia dunha industria de cestería das cales as características descoñecemos, máis que debían ser moi semellantes ás de hoxe (…)”,e que este oficio outorgaba a aqueles que o exercían unha certa superioridade sobre os demais traballadores.

Esta “superioridade”, non só viña dada polo feito de que o seu traballo fora considerado como artesanal, senón tamén porque posuían un vocabulario propio que lles permitía falar entre eles sen ser entendidos polos demais, tal e como recolleu Enrique Peinador Lines no libro “Vocabulario dos Cesteiros de Mondariz”.

 

 

cesteirosA figura de Enrique Peinador Lines e o seu libro imos comentalos máis profundamente, ó ser este fillo de Enrique Peinador Vela, un dos homes máis ilustres de Mondariz Balneario, feito que demostra que se puxera un busto na súa honra o 24 de agosto do 1919. Enrique Peinador Lines foi continuador da obra iniciada polo seu pai, sendo ambos exemplos dunha burguesía implicada no proceso de dignificación da cultura e a tradición galega.

 

O fillo de Peinador Vela vinculouse enormemente ó galeguismo cultural e político, participando no Pacto de Lestrove, no que as forzas socialistas e republicanas do momento trataban de consensuar as súas ideas para acelerar a caída do réxime monárquico e facilita-lo camiño ó advenimento da república, feito que se culminou en agosto do 1930 no Pacto de San Sebastián; militando no Partido Galeguista no período republicano, cando era legal, e posteriormente dende a clandestinidade.

Este galeguista de pro socio protector do Seminario de Estudios Galegos, realizou numerosos artigos para as revistas “Mondariz” e “La Temporada en Mondariz”.

Pero, sen dúbida, unha das súas obras máis interesantes para nós é “Vocabulario dos Cesteiros de Mondariz”, na que se recollen aproximadamente 295 palabras.